Friday 03 de May de 2024

A Mancomunidade de Ordes mostra o seu apoio unánime aos traballadores de Transportes Pellejero e Hijos S.L.



Instan a buscar unha solución negociada entre a empresa e SOGAMA que garanta a continuidade dos postos de traballo dos 68 afectados

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vén de amosar o seu apoio aos traballadores de Transportes Pellejero e Hijos S.L., concesionaria do transporte de residuos de SOGAMA. Deste xeito dáse resposta á solicitude formulada recentemente polos afectados tras as variacións nas condicións de traballo que se derivan da entrada en vigor do novo contrato de transporte de residuos sólidos urbanos o vindeiro 1 de marzo. Segundo previsións esta medida duplicará a cantidade de residuos que chega á planta de tratamento en tren e reducirá considerablemente a que se fai a través de camións. Segundo os sindicatos isto suporá o despedimento de 68 persoas entre transportistas, mecánicos e persoal de oficina, ademais dun empeoramento das condicións laborais e salariais dos que manteñan o seu posto.
Co pronunciamento a favor do mantemento dos postos en perigo e instando a un entendemento satisfactorio nas conversas negociadoras a Mancomunidade de Ordes atende á solicitude feita no seu día polo persoal da empresa. “Unha situación que seguimos con atención e detemento xa que nos toca ben de cerca ao ser a maioría dos afectados residentes da comarca”, manifesta Roberto Rey, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes.
No encontro mantido tamén se informou dos actos previstos para conmemorar o Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo. Unha campaña que leva por título ‘Deamos un paso pola igualdade de xénero’, formulación inspirada no tema da campaña da ONU lanzada para este ano. A idea central desenvolverase a través das redes sociais, concretamente no Facebook do CIM. Alí todas e todos os que queiran participar poderán colgar fotografías de mulleres traballadoras realizadas por elas e eles mesmos. Con todo o material enviado ata o 29 de febreiro realizarase unha colaxe de cara a campañas de sensibilización e informativas. Tamén se elaborará un manifesto ao que se lle dará difusión a través de distintos soportes e espazos, dando así a coñecer o posicionamento da Mancomunidade de Ordes no que a dereitos igualitarios entre homes e mulleres se refire.